Expertos mostran en San Simón como pescudar coas TIC nos segredos da Idade Media

luns, 29 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Illa de San Simón acolleu o pasado venres 26 unha xornada do Consello da Cultura Galega destinada a mostrar as vantaxes e posibilidades da dixitalización no noso achegamento á lírica medieval galego-portuguesa. A iniciativa, desenvolvida en colaboración co Concello de Redondela, celebrouse baixo o epígrafe A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías e contou coa presenza de diversos expertos en ámbalas cuestións (TIC e patrimonio lírico galego) e a súa máis que relevante confluencia.
Segundo se fixo saber, as novas tecnoloxías impulsan e melloran o noso coñecemento da Idade Media en múltiples aspectos: na datación de igrexas altomedievais, no descifrado dos enigmas do Pórtico da Gloria, no achado de influencias medievais en cantantes actuais como Rosalía ou na lectura en liña dos cancioneiros medievais.
Sobre o Pórtico falaron Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago; e Ramón Yzquiero Peiró, director técnico e conservador do Museo da Catedral que explicaron as técnicas empregadas nas diferentes etapas das intervencións.
No seguinte bloque, Rebeca Blanca Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG; e José Carlos Sánchez Pardo, membro Grupo de investigación Síncrisis, da USC, falaron dunha investigación que reinterpreta as igrexas medievais. Na súa intervención explicaron que documentaron 681 igrexas e 291 conxuntos con indicios medievais: uns traballos que contaron con abondosa tecnoloxía tanto no establecemento dun mapa como na hora de fixar o tempo das obras.
Pola tarde, Antoni Rosell puxo varios exemplos de como diferentes músicos divulgan e interpretan elementos da música medieval a día de hoxe. Entre eles destacou o disco de Rosalía, Malamente, que está influído pola novela erótica medieval Flamenca. Na súa opinión “a tradición popular modifica con música e instrumentos pero garda elementos medievais” e as redes contribúen á súa difusión e popularización, con independencia de que a xente saiba ou non identificar estas influencias.
Na recta final, Graza Videira, da Universidade Nova de Lisboa, quen explicou o proxecto Litera, que deita na Redes a totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses. Faino a través das imaxes dos manuscritos e das músicas (a medieval, as versión ou composicións orixinais contemporáneas que toman como punto de partida os textos das cantigas medievais). De seguido, Leticia Eirín, da Universidade da Coruña, deu as claves do Universo Cantigas, un proxecto que procuraba a edición crítica dixital dos textos que integran a lírica profana galego-portuguesa.

PUBLICIDADE