Explorer premia 2 apps de seguridade para as mulleres e de saúde para mascotas creadas na USC

luns, 12 de xuño do 2023 S. P.

O programa de emprendemento universitario USC Explorer, promovido polo Santander e organizado desde a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da institución académica compostelá, premiou na súa edición de 2023 a aplicación móbil de seguridade para as mulleres CoWalkHER, ideada polas/os estudantes do campus de Compostela Elena Fernández, Inés Quintana, Nicolás Fernández e Roberto Tato, e a ferramenta dixital GoodWeight, un aplicativo materialiado na sede universitaria luguesa polos alumnos de Veterinaria Héctor Campos Martínez e David Pérez Delgado, que permite aos titores de mascotas controlar e, no seu caso, combater a obesidade dos animais, ademais de poder dispoñer do historial médico das mascotas no móbil.
Máis polo miúdo, CoWalkHER é unha app de seguridade que acompaña ás mulleres durante os seus traxectos, ao tempo que lles facilita atención diante de posíbeis emerxencias, “unha prestación que as fai sentir máis seguras mentres camiñan”, sinalou o equipo desenvolvedor, engadindo que esta aplicación conta cun rexistro seguro para evitar usos negativos da mesma e, ademais, subministra ás usuarias unha rede de apoio e a posibilidade de entrar en contacto con mulleres que se atopan nunha situación semellante, ao tempo que inclúe un mapa de áreas perigosas previamente sinaladas.
Pola súa banda, a aplicación GoodWeight, desenvolvida na sede universitaria luguesa e premiada no Explorer 2023, ofrece a posibilidade de reducir a obesidade e todas as enfermidades asociadas mediante a monitoraxe do peso do animal a través dun dispositivo que alerta ao dono ou titor en todo momento de variacións significantes. Este aplicativo, relatan os seus promotores, recopila toda a información clínica e permite ter actualizado e accesíbel no móbil o historial médico médico da mascota, así como a información relativa ás probas probas e tratamentos que xa lle foron aplicados.
O xurado encargado de fallar os proxectos finalistas do programa Explorer 2023 presentados nas sedes de Santiago e de Lugo estivo formado polo delegado do reitor da USC para Transferencia do Coñecemento, Luis A. Otero González; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, José Luis Villaverde Acuña; a subdirectora Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Belén Liste Lázara, e Óscar Castro Campos, do Banco Santander. Logo de valorar as 12 candidaturas presentadas a este certame de emprendemento universitario, o tribunal acordou tamén distinguir as propostas rexistradas no USC Explorer Space Santiago Nóstoria, de Ana Paulina Chas e Iago Duarte, e Fructify Consultancy & co, de Josefina Anllo Naveiras.
Nóstoria, que acadou o 2º galardón, responde a unha idea de empresa de xestión cultural: deseño, creación e asesoramento de servizos culturais relacionados coas festas de recreación histórica, mentres que Fructify Consultancy & co, a candidatura clasificada en terceiro lugar, antóllase como xerme dunha empresa consultora especializada en innovación e sustentabilidade en agricultura.
O xurado tamén puxo en valor outras dúas propostas empresariais innovadoras presentadas a esta edición do programa Explorer desde o Campus Terra, tal e como é o caso da clínica veterinaria Golmar, unha candidatura impulsada por Alba Crespo Golmar e Alba Rodríguez García, e Erro, tal e como se coñece o centro de aprendizaxe artística e de dinamización cultural no rural, madurado por Antía Carreira Vázquez. Ambos proxectos acadaron cadanseu segundo premio.

PUBLICIDADE