FEUGA achégalles ás empresas de base tecnolóxica as vías de financiamento que teñen á súa disposición

venres, 9 de marzo do 2012 Raquel Noya

As pequenas e medianas empresas que apostan por innovar coas TIC para satisfacer a demanda dos consumidores máis esixentes, son as que, dalgún xeito, posúen a batuta “máxica” para dirixirnos cara o final da crise, porén ao mesmo tempo son as que teñen menos medios económicos para facelo, e como consecuencia, as que máis precisan dun pequeno empurrón para saír a flote nos primeiros pasos.
Moitas veces, segundo informan dende a entidade VTransfer, o problema non é tanto que non haxa fontes de financiamento, senón que estas empresas “descoñecen moitas das fontes que poderían axudarlles a minimizar o custe das súas actividades”.
Con este obxectivo, o de presentar os distintos mecanismos de cofinanciamento (subvencións e empréstamos) que existen na actualidade, e dar a coñecer a existencia doutras vías alén das tradicionais subvencións, FEUGA está a organizar un ciclo formativo co que axudar ás empresas e entidades a maximizar a obtención de fondos de capital para o seu proveito.
O curso celebrarase na sede da entidade organizadora en Santiago de Compostela, os días 11, 12 e 13 de abril, e nel abordaranse, entre outras cousas, as vías de apoio fiscal máis coñecidas, os grandes plans públicos de axudas estatais e comunitarios que hai, as bonificacións que existen na cotización á SS.SS respecto do persoal investigador, ou mesmo os beneficios fiscais que se poden obter pola cesión de determinados intanxibles.
Asemade, cun enfoque directo, exporánselles aos asistentes os procedementos particulares máis habituais para a obtención de cofinanciamento para as súas actividades de innovación, buscando con esta acción “guiar ao alumnado polo procesos técnicos e administrativos necesarios para a súa consecución”, afirman os responsables.
O curso, que é de balde, vai dirixido, xa que logo, a persoal de empresas de base tecnolóxica (spin-offs), investigadores universitarios ou profesionais de unidades de transferencia de tecnoloxía e promoción tecnolóxica que queiran levar a cabo o proceso de solicitude de financiamento por si mesmos e ter asegurado algún tipo de apoio económico co que financiar a súa actividade vindeira.
A data límite para a inscrición neste curso é o vindeiro 30 de marzo.

PUBLICIDADE