FEUGA renova a súa imaxe coincidindo co seu 40 aniversario

martes, 8 de novembro do 2022 S. P.

Coincidindo co seu 40 aniversario (catro décadas tendendo pontes de innovación, formación, transferencia e empregabilidade entre os campus e o tecido produtivo), a Fundación Empresa-Universidade Galega vén de estrear nova imaxe. A renovación constitúe, en palabras da entidade, “un xiro á identidade corporativa de FEUGA” co obxectivo de reflectir os retos da súa nova etapa e “así poñer o acento na innovación, o impulso do talento e a consolidación das liñas de traballo da fundación no ámbito da Unión Europea”.
A súa renovada marca incide no seu papel de conexión entre universidade e empresa e na transferencia tecnolóxica e de coñecemento como axente catalizador de ideas innovadoras entre Galicia e Europa e que, de forma gráfica represéntase cun símbolo a xeito de ponte que une as dúas letras (EU). “O labor de FEUGA cobra especial relevancia como ligazón entre o ámbito da formación e o das novas necesidades do mercado laboral que demanda perfís innovadores, unha aposta polo I+D+i e unha maior proxección internacional nun mundo globalizado”, explican dende a fundación, engadindo que “a nova identidade corporativa opta por liñas sinxelas, sobrias e vangardistas que incorporan cores vivas dando así unha imaxe contemporánea que reflicte os desafíos que se marca a entidade no seu aniversario”.
En palabras de Javier Pereiro, director de FEUGA, “comezamos esta década mirando ao futuro, abrindo liñas de traballo que cubran as inquietudes e necesidades actuais do tecido industrial galego, dos nosos investigadores e dos titulados universitarios e en formación profesional”.
A renovación da imaxe abrangue a todos os soportes corporativos da fundación, incluída a web de seu e as súas redes, así como a un dos seus buques insignia durante estes 40 anos de percorrido: o portal de bolsas.

PUBLICIDADE