FIC OnLan 2012: un xeito alternativo de vivir as celebracións do Antroido

mércores, 15 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Hai moitos xeitos diferentes de celebrar o Antroido, e algúns pasan de cheo pola pantalla do computador. Isto é o que nos propoñen para os días vindeiros dende a festa FIC OnLan, que ten o seu eixe de operacións na Facultade de Informática da Coruña e que abrangue de cheo, dende o venres 17 até o martes 21, os cinco días clave dunha das nosas celebracións populares por excelencia: o Antroido.
A nova edición desta festa informática para a mocidade servirá entre outras cousas para achegármonos, a través dun fluxo constante de ideas e habilidades, ás novas ferramentas do coñecemento e as súas moitas posibilidades creativas. Igual que se foramos a un obradoiro intensivo de TIC, pero co elemento propio das devanditas festividades: o humor, a creatividade a diversión.
Para esta edición, cóntase co apoio de Samicro, a Asociación Cultural Mangalego, Teletorti¡ya!, PCS Galicia, Ozone Gaming, Turtle Beach, AeroCool, Tacens e a propia Facultade de Informática de Coruña, aínda mergullada na celebración do 25 aniversario.
Cun aforo de 200 participantes, está previsto o desenvolvemento dun máis que completo programa de concursos, obradoiros e competicións, estes últimos acompañados dunha nutrida listaxe de premios e recoñecementos.
Falarase, moito, sobre informática, redes sociais e tamén sobre programación en xeral, emprestándolle especial atención á actualidade TIC e aos servizos e ferramentas de meirande potencialidade, tanto a nivel persoal como de mercado. Máis polo miúdo, contarase con xente como Pablo López, que ofrecerá un máis que completo itinerario polos superheroes de andar por casa, os superheroes realistas; ou de Iván Rodríguez Arós, Esfenodon, que fará un percorrido polos segredos e esixencias dunha produción 3D. Estes e outros relatorios programados, por certo, serán de entrada libre.
FIC OnLan contará pois con zona extranet, onde se levarán a cabo todo tipo de actividades creativas ligadas ao lecer tecnolóxico, a engadir a posibilidade de tirarlles o máximo partido ás videoconsolas e xogos máis punteiros a día de hoxe no mercado.

PUBLICIDADE