Facebook axudará á identificación das persoas nas fotografías que publiquemos

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Facebook detectará as caras que aparecen nas nosas fotografías e suxerirá a súa identificación

Facebook está a espallar entre os seus usuarios unha nova característica que leva varios meses en probas e que finalmente chegará a case todo o mundo, consistente na suxestión de etiquetas para as nosas fotografías, de xeito que fai uso do recoñecemento facial, o que resulta especialmente útil en momentos como cando subimos numerosas fotografías dunha festa, cando daría moito traballo a identificación das persoas que aparecen unha por unha en cada fotografía.
Hai meses que Facebook permite a etiquetaxe de fotografías en grupos (para poder subir de vez múltiples imaxes da mesma persoa e non ter que etiquetalas de xeito individual) e coa suxestión de etiquetas este proceso tamén é doado para imaxes con varias persoas, xa que o sistema identifica as caras e convida a etiquetalas e incluso suxire os nomes dalgunhas das persoas (baseándose en etiquetaxes previas).
Pero este tipo de funcionalidade pode ser considerada intrusiva por algunhas persoas, polo que Facebook incorporou na súa configuración de privacidade a posibilidade de desactivar a etiquetaxe automática da nosa persoa, polo que de mudar tal opción teriamos que sermos etiquetados a man.
Para facer tal hai que ir a ContaAxustes de privacidadePersonalizar axustes e premer en Modificar axustes na sección de Suxerir fotos miñas a amigos/as na sección de Cousas que os outros comparten.
A modificación da configuración xa debería de estar dispoñible para todos os usuarios españois, pero as suxestións de etiquetas podería non estar funcional ata dentro de varias semanas.

A suxestión de etiquetas pode desactivarse

PUBLICIDADE