Facebook comeza a probar os seus Trending Topics

xoves, 8 de agosto do 2013 Marcus Fernández

No mes de xuño Facebook estreou o seu propio sistema de hashtags para intentar desprazar a Twitter de certos mercados como o televisivo, onde está a converterse nun sinónimo de interacción coa audiencia, e anunciando tamén que estaba a traballar en poder ofrecer unha funcionalidade semellante aos Trending Topics ou Tendencias de Twitter, o que xa está a probar nos seus sistemas, o que entendemos que é consecuencia en boa medida a que veñen de rematar a implantación da tecnoloxía de Graph Search nos EE.UU.
Nas últimas horas púidose ver como, ao igual que Facebook lembra os aniversarios dos nosos amigos ou os eventos dos que recibimos invitación, tamén comenta temas que están de moda (Trending), o que polo momento só poden ver uns poucos usuarios norteamericanos na versión móbil da web, e que recolle unha serie de contidos públicos sobre tal tema, seguindo os pasos marcados polos hashtags.
Deste xeito Facebook buscaría que a súa plataforma non fose só unha canle de comunicación entre amigos e familiares, senón que tamén teña forza á hora de comentar publicamente eventos de actualidade, como a política, os programas de televisión ou o rexoubeo propio do mundo do corazón. Queda agora por ver se a compañía de Mark Zuckerberg conseguirá que o público faga este tipo de uso dunha plataforma que ven dun xeito máis persoal e menos móbil que Twitter.

PUBLICIDADE