Facebook destacará as conversas máis populares e Zuckerberg visitará Barcelona

xoves, 16 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Facebook está a incorporar os seus propios Trending

Facebook leva uns meses intentando clonar as características de Twitter que lle deron repercusión nos medios de comunicación, e tras adoptar o uso de hashtags (con moi pouca aceptación) anuncian hoxe que tamén están integrar na súa páxina web un módulo chamado Trending, que vén a ser o equivalente ás Tendencias de Twitter, servindo para destacar o que máis está a comentarse en Facebook, como un barómetro da actualidade social.
A listaxe de conversas máis populares de Facebook poderá personalizarse para amosar o que máis se comenta en toda a plataforma social ou limitándose a temas nos que o usuario amosase interese, distinguíndose especialmente do seu equivalente en Twitter por incluír un pequeno texto descritivo, para axudarnos a saber por que un tema está de actualidade.
Esta nova prestación está a espallarse globalmente dende EE.UU., e tras implantarse a en todo o mundo dará o salto a dispositivos móbiles.

Mark Zuckerberg no Mobile World Congress

Pero esta non é a única nova sobre Facebook da xornada de hoxe, senón que tamén cómpre destacar a confirmación de que Mark Zuckerberg estará presente o vindeiro 24 de febreiro en Barcelona para participar no Mobile World Congress, nunha conferencia que poderá seguirse en vivo a través da Internet.
Ao parecer, Zuckerberg falará sobre os beneficios de achegar o acceso á Rede ao mundo desconectado (obxectivo do proxecto Internet.org), pero é de agardar que se aproveite a súa presenza nun evento sobre tecnoloxía móbil para dar a coñecer algún outro avance de Facebook neste ámbito no que esta plataforma o está a ter tan difícil pese a que a dirección da empresa ten claro que é cara onde vai o futuro.

PUBLICIDADE