Facebook e Messenger purgan as súas aplicacións móbiles

luns, 27 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cada vez é máis frecuente ver como os grandes servizos de Internet aos que os usuarios acceden a través de aplicacións teñan que desprenderse de lastre para continuar a avanzar, de xeito que eliminan o soporte das súas ferramentas para vellos dispositivos, e isto é o que vai facer estes días Facebook coas súas aplicacións móbiles, tanto para a súa rede sociais como para a súa ferramenta de mensaxería instantánea, de xeito que algunhas das aplicacións de Facebook e Messenger dirán adeus co remate do mes.
Por unha banda temos como as versións vellas das aplicacións de Facebook e Messenger para iOS e Android deixarán de funcionar, o que forzará aos usuarios a actualizar as aplicacións, pero no caso de Windows Phone e Windows 8/8.1 a cousa é bastante máis grave, xa que eliminaranse estas aplicacións por completo, de xeito que quen aínda traballe nestas plataformas non terá máis opción que acceder a Faceboook vía web, o que claramente é unha experiencia de uso moi diferente ao que tiñan até o momento.
Outros usuarios que quedarán sen aplicacións de Facebook e Messenger serían os que teñan versións de Android anteriores a Android 4.0 (aínda que con Android 2.3 hai territorios que teñen a opción de usar Facebook Lite e Messenger Lite).
No caso de iOS deixarán de funcionar as versións da aplicación de Facebook até a publicada o 10 de outubro de 2011 e a de Messenger do 14 de xullo de 2014, aínda que de querer actualizar cómpre salientar que a versión actual precisa de iOS 8 ou superior, dispoñible para iPhone 4s e iPad 2, e dispositivos posteriores, de xeito que serán moi poucos os terminais operativos que non poderán gozar da versión actual das aplicacións móbiles de Facebook.

PUBLICIDADE