Facebook inflúe negativamente nas notas dos e das estudantes

xoves, 16 de abril do 2009 Raquel Noya

Dende hai un tempo para aquí, non pasa un só día sen que debamos falar de Facebook, unha das redes sociais con máis seareiros no noso país e en todo o mundo, que xa vén de superar a franxa dos 200 millóns de usuarios; cifra que non fai máis que demostrar o éxito vertixinoso que están a ter este tipo de aplicacións en xeral, e o Facebook en particular, entre os internautas.
Se ben este tipo de redes sociais tales como MySpace, Hi5, Tuenti, Xing ou Flickr, entre outras, resultan unha ferramenta sen igual para manternos interconectados con xente á que non podemos ver normalmente, para comunicarnos con outros internautas (coñecidos ou descoñecidos) cos que compartimos as mesmas afeccións, para entreternos e incluso, se cabe, para informarnos, o seu uso pode non ser tan beneficioso para outras cousas como poderiamos pensar nun primeiro momento.
Segundo vén de demostrar un estudo realizado por especialistas da Universidade do estado de Ohio e que será presentado hoxe mesmo en San Diego, no congreso anual da Asociación Americana de Investigación sobre Educación, “os estudantes que usan Facebook sacan peores notas que os que non o fan”.
A investigación indica que as calificacións dos membros desta rede social empeoraron a partir do seu uso e revela que as notas dos estudantes son peores que as dos que non son membros de ningunha aplicación web deste estilo.
O estudo demostra que isto débese ao tempo que os estudantes dedican a esta ferramenta en liña, que as máis das veces, é tempo “roubado” do estudo, o que se traduce nunha baixa nas súas calificacións.
Para a investigación, cuxo obxectivo era buscar o impacto desta rede social nos resultados académicos, entrevistouse a 219 estudantes, o 65 por cento dos cales admitiron acudir ao sitio tódolos días e revisalo varias veces para ver se teñen mensaxes novas.
Asemade, os usuarios da devandita rede social tenden a baixar as súas calificacións promedio, coa desvantaxe engadida de que o 79 por cento deles non cre que o tempo de uso teña un impacto negativo nas notas.

PUBLICIDADE