Facebook leva a súa mensaxería instantánea ao escritorio

venres, 30 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Hai poucos anos o Messenger de Windows era unha aplicación de uso masivo, que para moitos internautas era a principal canle de comunicación a través da Internet, pero foi perdendo pulo coa emerxencia das plataformas de redes sociais, que tamén integran solucións de mensaxería instantánea, que parecen querer converterse importantes tecnoloxías de comunicación, de aí que Facebook decidise segregar a mensaxería da súa aplicación móbil (converténdose nun competidor de solucións como Whatsapp) co Facebook Messenger, idea que agora tamén levan ao escritorio.
O Facebook Messenger para Windows é unha aplicación en probas que permite utilizar Facebook sen entrar na súa páxina web directamente, permitindo que os usuarios de Windows 7 poidan chatear e enviar mensaxes aos seus amigos de Facebook, ver as actualizacións máis recentes dos amigos na información instantánea e recibir notificacións rápidas sobre o que está a pasar.
A ferramenta filtrouse á web, e xa podemos descargala oficialmente, o que agradecerán os amantes das aplicacións, que gusten de estar conectados constantemente cos seus amigos aínda que non estean a utilizar a web ou, simplemente, que desexen ter outra páxina web en primeiro plano é á vez non perderse nada do que se move no servizo de Mark Zuckerberg.

PUBLICIDADE