Facebook logra liderar as redes sociais grazas ao seu rápido crecemento

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A percepción que se ten das redes sociais actuais é que Facebook é o rei do sector, pero se analizamos as cifras reais temos que non só é así, senón que ademais é a rede social que medra máis rápido, cun crecemento interanual do 153%, mentres que o seu principal competidor, MySpace, só medra un 3%.
MySpace aínda perdeu a súa posición de liderado das redes sociais hai uns poucos meses, pero iso non quere dicir que Facebook teña máis éxito comercial, pois MySpace continúa a ser moi forte nos EE.UU., o que lles vale unha achegas económicas en conceptos publicitarios bastante máis elevadas que as de Facebook, que ao ter os seus usuarios máis espallados por todo o mundo ten problemas para rendibilizar a situación.
Tamén a rede Hi5 (moi popular en Portugal) medrou de xeito espectacular (un 100%) chegando a ter xa a metade de volume de visitas que MySpace (o que é acadar unha sólida 3ª posición) e o resto de competidores tamén teñen un crecemento considerable, que de media é do 25%, mentres que a audiencia da Internet só medrou un 11%, o que indica que a popularidade das redes sociais continúa a medrar de xeito considerable pese ás dúbidas sobre o seu modelo de negocio.
Cómpre destacar que a popularidade das distintas redes sociais cambia moito segundo o país do que se fale, e mentres MySpace arrasa nos EE.UU., Facebook fai o propio en Canada, LinkedIn na India, Orkut en Irán, LiveJournal en Rusia e Twitter no Xapón. No caso español tamén é destacable o caso de Tuenti, o que podería indicar que o importante destas plataformas non é a súa tecnoloxía, senón os seus usuarios e as relacións que establecen entre si.

PUBLICIDADE