Facebook podería estar a desenvolver un teléfono móbil

luns, 20 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Nas últimas semanas e tras a compra de Tuenti por parte de Movistar, comentábase a posibilidade de que a plataforma española de redes sociais comezase a funcionar en breve coma OMV, e parece que o salto deste tipo de servizos ao sector móbil vese como algo natural, e así agora dende TechCrunch insinúan a posibilidade de que Facebook estea a preparar un teléfono móbil de seu, concretando que estarían a traballar no desenvolvemento dun software para un terminal fabricado por outra compañía (algo semellante a como fai Google co Nexus One).
Segundo parece, varios traballadores de Facebook terían feito comentarios a tal respecto, polo que a compañía podería querer utilizar a súa plataforma en liña coma corazón dun teléfono móbil (para elementos como a axenda de contactos) de xeito que precisaría do control do sistema operativo do terminal (o que podería ser unha versión adaptada de Android).
Pouco tardaron dende Facebook en desmentir ao seu xeito o publicado por TechCrunch, pero dun xeito tan pouco concreto (limítanse a anunciar que non fabricarán o devandito móbil) que case están a anunciar que o Facebook Phone será unha realidade, aínda que podería quedar todo en nada, coma outros proxectos semellantes coma o de Microsoft para converter o seu reprodutor multimedia Zune nun posible rival do iPhone.

PUBLICIDADE