Facebook potencia seriamente o seu servizo de vídeo en directo dende o móbil

mércores, 6 de abril do 2016 Marcus Fernández

O servicio de retransmisión de vídeo en directo de Facebook está madurando, e tras un período de probas con celebridades, e tras espallarse paulatinamente entre usuarios de iOS e Android de distintos países, chega a hora de dar a coñecer os novos xeitos para crear, compartir e descubrir vídeos en directo en Facebook e así poder conseguir ocupar un espazo que actualmente está a acaparar a aplicación Periscope de Twitter.
Facebook anuncia agora que, aparte de poder iniciar emisións en directo de xeito persoal, comezaron a espallar a posibilidade de realizar un directo dende un grupo de Facebook ou nun evento de Facebook, de xeito que só o un conxunto de usuarios recibiría o sinal de vídeo, o que sería ideal para celebracións familiares ou para encontros profesionais nos que poida programarse unha sesión de preguntas e respostas.
Tamén se mellora a interacción de Facebook Live, de xeito que os usuarios non só poden facer comentarios durante as retransmisións, senón que tamén poderán seleccionar as reaccións que colleron o relevo do tradicional gústame e que figurarán nun lateral do vídeo para reflectir a sensación que se transmite á audiencia durante os distintos momentos dun directo (ou sexa, unha alternativa aos corazóns que saen en Periscope). Outra funcionalidade relativa á interacción é que agora, cando se vexa en diferido unha retransmisión, reproduciranse tamén os comentarios que se facían a cada momento, para poder replicar a experiencia da emisión orixinal.
Para facer máis atractivas as retransmisións tamén se van incorporar inicialmente cinco filtros ao vídeo, para permitir un maior nivel de creatividade nos directos, e incluso están a preparar a posibilidade de debuxar sobre o vídeo durante as retransmisións.
Conseguir unha boa difusión dos vídeos en directo en Facebook, dado que aínda son moi novos, é todo un reto, o que levou a que comezasen a implantar novidades como permitir enviar invitacións a amigos para ver un vídeo en directo (de xeito que recibirán unha notificación push advertindo de tal convite). Tamén se facilita agora a localización de retransmisións en función da súa ubicación xeográfica, para o que en breve incluso imos ter o Facebook Live Map que poderá verse en ordenadores de escritorio, mentres que nas aplicacións móbiles, onde Facebook Live toma cada vez máis forza, contaremos cunha sección específica na que atopar vídeos en directo ou diferido.
Todas estas novidades mencionadas están a espallarse entre as distintas plataformas (comezando por iOS) e países, polo que tardarán semanas en estar dispoñibles para todos os usuarios, facilitando que Facebook poida consolidarse como unha sólida plataforma para o vídeo en directo grazas á súa elevada masa de usuarios.

PUBLICIDADE