Facebook quere facilitar as rupturas de parella na súa plataforma social

xoves, 19 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Canto máis tempo leva en activo Facebook máis situacións se dan dentro desta plataforma social ás que hai que buscar solución, de aí que xa tomaran medidas, por exemplo, para actuar ante o pasamento de usuarios, e agora entran nun terreo tamén bastante revirado, como as relacións de parella, de xeito que anuncian solucións para cando rematan as relacións románticas, que comezan a probar hoxe mesmo, e que permitirían aos usuarios como interactuar coas súas anteriores parellas tras o remate da súa relación.
Deste xeito, cando agora un usuario indique que xa non está nunha relación, apareceranlle novas opcións como a que permite ver menos á súa anterior parella sen ter que bloqueala ou eliminala como amiga (de xeito que as súas publicacións non aparecerán entre as novas e o seu nome non se suxerirá ao escribir mensaxes ou etiquetar a amigos en fotografías).
Tamén se poderán establecer límites ás fotografías, vídeos e actualizacións de estado que a anterior parella pode ver; e para completar a operación tamén permitirá editar quen pode ver as pasadas publicacións coa anterior parella e desetiquetar as publicacións con tal persoa, de xeito que en poucos pasos pódese desvencellar a un usuario de outro, sen ter que realizar borrados masivos de contidos.
Estas novas ferramentas comezan a probarse hoxe na versión móbil de Facebook nos EE.UU., e irase espallando en función da aceptación que teña do público, sendo en todo caso opcional o seu uso.

PUBLICIDADE