Facebook repensará o cambio das súas condicións de uso

mércores, 18 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg informou dende o blog de Facebook que retoman as súas condicións de servizo anteriores

O cambio nas condicións de uso de Facebook creou moito rebumbio, o que levou á compañía a repensar tal media, de xeito que polo momento volveron a adoptar os termos do servizo anteriores, o que non será definitivo, de xeito que inician un proceso de debate no que buscarán atopar a fórmula axeitada na que as novas condicións de uso non causen alarma social e resulten claras para os usuarios.
A polémica saltou cando os novos termos de uso de Facebook outorgaban á compañía de Mark Zuckerberg o dereito ao uso ilimitado de todo o material que se publica na súa web, incluso despois de que o usuario que o publicou dese de baixa a súa conta, o que segundo os responsables do servizo responde a motivos técnicos e legais (por exemplo, cando alguén manda unha mensaxe a un usuario, aínda que o remitente deixe Facebook, o texto debería quedar na caixa de correo do seu destinatario).
Hai que admitir que as condicións de uso de moitas páxinas web son semellantes ás de Facebook, só que neste último caso resulta máis preocupante pois o servizo estase a converter en case un reflexo virtual do usuario real e conta cunha base de usuarios inmensa (supera os 175 millóns).

PUBLICIDADE