Facebook tende pontes cara a realidade aumentada e a realidade virtual

mércores, 19 de abril do 2017 Marcus Fernández

Facebook está a congregar a desenvolvedores de todo o mundo en San José (California) na F8, unha nova edición da súa conferencia para desenvolvedores que permite aos asistentes (presenciais e en liña) descubrir as tecnoloxías que está a preparar Facebook e para as que van poder adaptar o seu software.
Ante máis de 4.000 persoais que ateigaron o McEnery Convention Center o propio Mark Zuckerberg amosou as posibilidades da cámara de Facebook como unha plataforma de realidade aumentada para un público masivo (xa que non precisa dun casco de realidade virtual para poder gozar de contidos), levando un paso adiante o que actualmente facemos co móbil engadido textos e imaxes aos contidos captados pola cámara, xa que será posible inserir obxectos dixitais e modificar cousas existentes con filtros faciais e outros elementos.
Para facilitar o desenvolvemento desta tecnoloxía presentaron a Camera Effects Platform, que achega ao desenvolvedores a posibilidade de crear ferramentas de realidade aumentada para a cámara, o que esperan que dea pé a grandes innovacións.
Dende Facebook tamén confían na realidade virtual, e para confirmalo veñen de lanzar en probas a aplicación Facebook Spaces, que polo momento está dispoñible para Oculus Rift, e permite ao usuario xuntarse cos amigos nun contorno virtual no que as persoas están representadas por avatares e no que tamén poden visualizarse contidos como fotografías e vídeos en 360 graos.

Facebook Spaces permite realinarse cos amigos en contornos virtuais, polo momento só con Oculus Rift

PUBLICIDADE