Facebook volve permitir a visualización de imaxes animadas

venres, 29 de maio do 2015 Marcus Fernández

As animacións en formato GIF reprodúcense coma se fosen vídeo dentro de Facebook

Hai preto dun ano Twitter comezou a dar soporte nativo de animacións en formato GIF, facilitando que estas populares animacións puidesen compartirse a través da Rede de xeito masivo, e agora parece que Facebook está a seguir os seus pasos, e aínda que non deixa subir aos seu sistema imaxes en formato GIF conservando a animación, si permite a súa previsualización dende ficheiros externos.
Curiosamente Facebook si amosaba os GIF nos seus inicios, pero decidiron eliminar o seu soporte ante o abuso deste formato, que tiña consecuencias moi negativas no funcionamento do servizo (tanto polo seu impacto visual como polo exceso de tráfico de datos que provocan).
Dende Facebook non fixeron un anuncio oficial desta nova prestacións, posiblemente porque pode resultar bastante confusa, xa que a previsualización non funciona con todos os servizos que xeran imaxes GIF, aínda que cando si funciona á perfección é con plataformas compatibles con formato GIFv como Imgur (que incluso conta cun servizo de conversión de vídeo a GIFv). Outro detalle preciso é que para a incrustación das imaxes é preciso que o seu enderezo web remate co seu nome de extensión, para que Facebook teña doado identificar que e trata dunha imaxe animada.
En casos como o de Imgur Facebook non carga realmente a imaxe GIF creada polo sistema, senón unha versión alternativa (GIFv) optimizada para vídeo, que ten un tamaño moi inferior, o que sería unha técnica semellante á empregada por Twitter (que integra as GIF animadas converténdoas en vídeo en MPEG-4).
Curiosamente o soporte de imaxes GIF parece estar limitado polo momento a perfís persoais, de xeito que as páxinas de Facebook non poderían facer uso desta tecnoloxía (as imaxes GIF incrustaríanse sen a súa respectiva animación). En definitiva, que estamos ante unha nova funcionalidade que parece non estar aínda completa, e que é de agardar que nos vindeiros días inicie o seu uso masivo como acontece noutras plataformas sociais na web.

PUBLICIDADE