Falece un dos pais da Internet

luns, 17 de abril do 2017 Marcus Fernández

Bob Taylor nunha fotografía de Gardner Campbell

Nas últimas horas tívose coñecemento do pasamento de Robert William Taylor (máis coñecido como Bob Taylor), quen tería falecido o pasado día 13 aos 85 anos en Woodside (California) de xeito que diríamos adeus a unha das figuras máis importantes no desenvolvemento da Internet, os ordenadores persoais e as redes informáticas, chegando a describirse en ocasións como «o pai da Internet» polo que rol como director da oficina de técnicas de procesamento de información (IPTO) de ARPA de 1965 a 1969, onde fraguouse ARPANET, a rede que daría lugar á Internet.

O Xerox Alto foi un equipo innovador que funcionaba cun sistema operativo con interface gráfica

Taylor tamén traballou nos laboratorios de informática de Xerox PARC entre 1970 e 1983, ou sexa, que foi un dos responsables do día a día que levou á creación das interfaces gráficas baseadas en xanelas (a xeito de metáfora do escritorio tradicional) que copiarían para o Macintosh, e que continúa vixente como interface gráfica nos sistemas informáticos. Un dos equipos da compañía, o Xerox Alto, non só destacaría por ser o primeiro ordenador cun sistema operativo con interface gráfica, senón por ser un ordenador persoal que podía funcionar en rede.
Bob Taylor recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Nacional de Innovación e Tecnoloxía en 1999 polas súas aportacións á informática moderna e o Premio Charles Stark Draper en 2004 polos seus traballos nas primeiras redes informáticas persoais.

PUBLICIDADE