O xogo galego FanDanz, anímanos a bailar co móbil

mércores, 25 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O xogo xa está dispoñible para móbiles con Android

Dende a aceleradora coruñesa de empresas tecnolóxicas Zarpamos levan meses a traballar nunha aplicación para dispositivos móbiles que busca converter ao móbil na nosa parella de baile, animándonos a menear o corpo coas nosas cancións favoritas e retar aos nosos amigos para ver que move mellor o esqueleto. Estamos ante un desenvolvemento promovido por Juan Ignacio Bagnato, que responde ao nome de FanDanz, que está a dar os seus primeiros pasos na súa versión para Android, agardando chegar máis adiante a iOS.

Juan Ignacio Bagnato traballando no desenvolvemento de FanDanz

O xogo consiste en elixir unha canción almacenada no noso smartphone e movernos logo, co móbil na man, ao ritmo da música, de xeito que conseguiremos máis puntos canto mellor sexan os nosos movementos, na liña do que podemos ver en xogos musicais de consola, pero levado a dispositivos móbiles, o que permítelle chegar a un publico moito maior, facilita xogar en case calquera lugar e tira proveito da compoñente social que supón retar aos amigos para ver quen consegue a maior puntuación.
Para manter o interese no xogo, FanDanz permite ver os nosos progresos, subir de nivel e superar máis de 40 retos, presentando tamén un raking para saber a nosa posición e os puntos totais que teñen os nosos rivais. O usuario que mellor baile unha canción será considerado como o seu TopDanzer, mentres que o que lidere as puntuacións dun artista determinado conseguirá coroarse como TopFan.

FanDanz é un dos proxectos acelerados en Zarpamos


Vídeo promocional do xogo móbil

PUBLICIDADE