Femxa avoga polo e-learning e sinala que 22 millóns de estudantes farán en 2014 un curso en liña

martes, 12 de novembro do 2013 Redacción

O Grupo Femxa vén de enviarnos dende Vigo un interesante estudo sobre o estado de cousas actual arredor da aprendizaxe a distancia (propiciada polo espallamento das novas tecnoloxías da información) e o futuro que se lle albisca a esta práctica cada vez máis estendida do e-learning. Pois ben, segundo nos conta este grupo de raizame galega, corren e correrán bos tempos para estes métodos innovadores de aprendizaxe. En boa medida, unha das razóns principais de que a liña do e-learning sexa ascendente hai que rastrexala na crise. A menos recursos, máis importancia se lle dá ao feito de poder continuar a nosa formación sen necesidade de desprazarnos ou irnos a vivir a outra cidade. Segundo engade Femxa, a crise deu a a lombeirada definitiva á educación a distancia, que amosa uns custos moito menores cós que require o ensino presencial tradicional. “Formarse nunca fora tan doado”, explica a empresa galega, que fai fincapé en que só se precisa para isto un computador e unha conexión a Internet.
No estudo tamén se nos recorda que o ano pasado a demanda de formación mediante estes sistemas en liña incrementouse nun 50%, unha tendencia que se mantivo na mesma liña durante todo 2012. Asemade, segundo as previsións, en 2014 ao redor de 22 millóns de estudantes realizarán algún curso destas características. Para Femxa, “a posibilidades que abren as tecnoloxías multimedia transcenden o simple feito de trocar os contidos de papel polo formato dixital”. Así, ademais do importante aforro económico que supón, “a aprendizaxe a distancia é unha ferramenta flexíbel que favorece a interactividade entre profesor e alumno, derrubando as barreiras espazo-temporais actuais”, engádese. O resultado de todo isto vese claramente: os estudantes teñen un papel activo e deixan de ser espectadores ante o educador. Ou sexa, teñen que ter comunicación co docente si ou si. De feito, o elemento do “medo escénico” que acompaña a moitos dos alumnos nas clases tradicionais, aquí desaparece.
Ao fío do devandito e dos datos achegados no informe, a presidenta do Grupo Femxa, Patricia García, engade que hai múltiples elementos que se alían para darlle azos á teleformación. De feito, García lembra que a día de hoxe “a Administración está a normalizar os requirimentos dos certificados de profesionalidade ofrecidos mediante teleformación, o que facilita aos alumnos o acceso a unha titulación oficial”. Ao seu xuízo, “o e-learning preséntase como a ferramenta máis axeitada para continuar a nosa formación, xa que permite elaborar contidos orientados ao logro de competencias específicas, pílulas de curta duración que facilitan ao usuario facer procuras selectivas en función das temáticas que máis lle poidan interesar, ben sexa no eido da mercadotecnia, finanzas, recursos humanos, etc”, explica Patricia García.

PUBLICIDADE