Fernández Iglesias inaugurou por videoconferencia unha web sobre o Entroido de Verín

luns, 21 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, inaugurou hoxe a través de videoconferencia (dende o seu despacho de Santiago) un novo portal web dedicado ó Entroiro de Verín, desenvolvido polo concello en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, e a través do Centro Multimedia de Galicia. No acto participaron dende o concello ourensán o seu alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán, a concelleira de Cultura, María Corona Meixera Romasanta, e os técnicos encargados do desenvolvemento e difusión dos contidos.
Fernández Iglesias explicou que coa colaboración entre o concello de Verín e a Secretaría Xeral permite difundir na Internet un dos eventos etnográficos e culturais máis destacables de Galicia.
O novo portal intégrase nunha plataforma avanzada de xestión de portais despregada pola Secretaría Xeral de Comunicación a través do Centro Multimedia de Galicia, que a aloxa e xestiona. Esta plataforma acolle a outras iniciativas coma os portais das cidades dixitais de Redondela e Verín.

PUBLICIDADE