Ferrol acolle un seminario para aplicar a tecnoloxía máis avanzada ao sector naval

mércores, 2 de marzo do 2016 Redacción

Hoxe e mañá a Xunta propón no CIS Galicia de Ferrol un seminario tecnolóxico no que arredor dun cento de representantes do naval galego coñecerán o pulo competitivo que a realidade virtual e aumentada e o Big Data (información masiva) poden achegar de xeito positivo ao sector. Na inauguración do encontro, o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, explicaba que a incorporación de tecnoloxías avanzadas ligadas á fábrica intelixente é un factor estratéxico dentro dunha industria na que se producen estruturas de gran tamaño. “A realidade virtual e aumentada permite incrementar a seguridade e a eficiencia, minimizando o risco de erros de deseño e fabricación e os seus custos. No naval, isto supón unha vía para liderar”.
Dicir que estas xornadas teñen lugar ao abeiro do Shipbuilding 4.0, unha proposta na que colaboran: o centro tecnolóxico Aimen, a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa conxuntamente co sector naval galego para recuperar o liderado competitivo e tecnolóxico dos estaleiros galegos no menor prazo posíbel. O obxectivo é contribuír de xeito decisivo ao avance do sector impulsado pola Xunta. “Mediante o Naval 4.0 investimos dous millóns de euros para que o naval galego estea entre os líderes da revolución tecnolóxica do sector a nivel internacional”, sinalou Varela.
A este seminario asistirán representantes de empresas do naval e doutros sectores afíns, de centros tecnolóxicos, das universidades e de varios clústers no seminario.
A xornada de hoxe comezou cun percorrido por tres demostradores tecnolóxicos específicos para o sector naval, unha especie de prototipos deseñados para amosar en vivo as posibilidades reais de varias tecnoloxías. Os participantes coñeceron de preto un demostrador de composites e outro de fabricación aditiva, que lles permitiron comprobar as vantaxes do uso de novos materiais e de técnicas láser na fabricación de pezas de embarcacións a gran escala.
O terceiro demostrador trasladou os visitantes á cova de realidade virtual do CIS, na que puideron contemplar a escala real a recreación dun sistema completo de soldadura robotizada a partir dunha maqueta elaborada impresa en 3D. Nunha única demostración combinouse o coñecemento sobre as vantaxes da realidade virtual e da impresión de maquetas en 3D escalábeis nos procesos de deseño, capaces de reducir os elevados custos que supón a produción de prototipos tanto en termos económicos como de tempo.
O seminario continuará mañá coa difusión e demostración das vantaxes do software de xestión e do big data –tecnoloxías de almacenamento e manexo de enormes cantidades de datos–, un eido no que a Xunta financia un nodo de computación que se porá ao servizo do tecido empresarial galego nas vindeiras semanas a través do CIS, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

PUBLICIDADE