Ferrol fai un chamamento a compartir vehículo a través da súa aplicación específica

venres, 2 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol quere unha cidade máis sustentábel en materia de transporte e, por esta razón, está a promover novos hábitos de mobilidade ligados ás posibilidades dos servizos dixitais. En base a isto, o Goberno local vén de relanzar o servizo Compartes Coche?, tamén coñecido como Bla Bla Car Ferrol, un chamamento a prol do uso compartido do automóbil e do aforro de cartos e de esforzos dos cidadáns (en desprazamento, en busca de estacionamento, etc), ao tempo que se pon un gran de area polo medio ambiente.
A medida ten a súa orixe en 2009, cando o Concello lanzou a devandita aplicación específica Compartes Coche?, aloxada aínda na web municipal. «Agora», informan dende o Consistorio, «a nosa intención é darlle hoxe un novo empuxón e e poñela en portada da nosa web para favorecer a accesibilidade dos futuros usuarios». A ferramenta, dispoñible vía web permitirá «poñer en contacto aos veciños de Ferrol para a realización de viaxes comúns».
Para tirarlle proveito, o primeiro que hai que facer é rexistrarnos cun formulario básico (que preserva a intimidade dos datos mais persoais), no que se indica a data, o percorrido itinerario e as prazas dispoñíbeis. Os interesados nun traxecto concreto, poderán contactar de xeito privado coa persoa que publica a viaxe para poñerse en contacto e compartir para aforrar.
Se desexamos poñer un anuncio para compartir coche, deberemos rexistrarnos e cubrir os datos do traxecto (ao engadir o anuncio, non se mostrarán nada máis que o noso nome e o traxecto que compartimos, ocultando os datos persoais e o correo electrónico). As persoas interesadas poderán poñerse en contacto con nós a través da aplicación.

PUBLICIDADE