Ferroltera converterá o Camiño Inglés nun percorrido intelixente

xoves, 3 de agosto do 2023 S. P.

O Consistorio de Ferrol informou da resolución da Secretaría de Estado de Turismo do pasado 6 de xullo que propón ao Concello como beneficiario da axuda en forma de subvención a fondo perdido por un importe de 265.500 euros para a transformación dixital e modernización do Camiño Inglés, dun total de 908.900 euros concedidos.
Para executar a axuda de concellos do Camiño Inglés é obrigatorio formar parte da rede de destinos turísticos intelixentes. A concelleira de Turismo e Patrimonio, Maica García, revelou que “os municipios de Ferrol, Neda, Cabañas, Pontedeume, Miño e Betanzos estamos traballando na axuda concedida para converter esta ruta nun camiño familiar, intelixente e inclusivo”.
Coa subvención, que sufraga o 100% das actuacións previstas, poderanse instalar paneis informativos intelixentes e accesíbeis, crear zonas de acceso Wi-Fi e recarga, dotar de ferramentas dixitais para a difusión da oferta turística das localidades (oficina de turismo intelixentes), establecer unha sinaléctica intelixente e accesíbel e deseño da aplicación móbil do Camiño Inglés.
Tamén está previsto o deseño e construción dun modelo de zona de descanso familiar e a realización de campañas de divulgación e coidado do Camiño, entre outras moitas medidas. “Prevalecerá a uniformidade da imaxe e elementos, tanto a nivel estético como operativo e funcional”, asegurou a concelleira.

PUBLICIDADE