FicOnLan dará acubillo na Coruña a arredor de 400 internautas

xoves, 10 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática da Coruña acollerá en breve unha das primeiras grandes citas do ano en materia de mocidade en liña. Falamos da convocatoria 2011 do maratón informático FicOnLan, encontro organizado pola asociación estudantil Freak´s Party no dito Campus galego. Por certo que nin en cuestión dos días programados para a festa dixital (cinco xornadas de rede ininterrompida: do 4 ao 8 de marzo) nin no que atinxe a sorpresas preparadas será unha cita calquera. O mesmo podemos dicir das previsións en asistencia, xa que se agarda que se apunten ao encontro en liña arredor de 400 seareiras e seareiros das novas tecnoloxías.
Ao seu alcance terán todo tipo de recursos dixitais (rede local de 1 xbps, entre outras cousas), concursos (de programación, videoxogos, deseño, fotografía, etc), torneos, relatorios e sesións variadas de divulgación arredor do que máis lle gusta á mocidade da Sociedade do Coñecemento na que vivimos.
Polo que respecta aos relatorios e segundo nos contan os responsables da xuntanza, o abano temático será variado, abranguendo sobre todo as cuestións relativas ao futuro inmediato da información e a tecnoloxía.
Para quen aínda a estas alturas estea a dubidar se acudir ou non ao encontro internauta, dicirlle que a organización ten activa unha completa páxina web ao respecto, na que entre outras cousas se nos recorda que o prazo de inscrición para a party xa está aberto e que o prazo, unha vez máis será do máis accesible para todas e todos: 25 euros. Asemade, dásenos conta da longa listaxe de actividades preparadas, entre as que cómpre destacar os concursos e os torneos. A maiores, a organización ten habilitado en Picasa un exhaustivo álbum sobre as edicións anteriores, ideal para facérmonos unha idea do ambiente que se consegue.

PUBLICIDADE