Filmin e Vodafone TV celebran a semana do Orgullo coa mellor escolma de cinema LGTBI

venres, 29 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Filmin, o catálogo-plataforma de cinema independente integrado en Vodafone TV (dende ofrece un catálogo de máis de 10.000 títulos), vén de sumarse a celebración da semana do Orgullo e faino da mellor maneira posíbel: achegando unha colección de audiovisual sobre a temática LGTBI. A escolma inclúe estreas absolutas (que non se proxectaron con anterioridade en ningunha outra plataforma) como McKellen: tomando partido e Out, filmes acabados de estrear no certame Atlántida Film Fest.
Son, en total, 50 títulos da devandita temática, todos eles compartindo a arela común de visualizar e reivindicar a realidade das persoas LGTBI. De feito, a escolma vén cun nome que fala por si só: Orgullosos e visíbeis.
Amais das ditas estreas, a colección incorpora algúns dos éxitos máis salientábeis dos últimos anos da devandita temática: Pride, A vida de Adele ou O amor é estraño.
Filmin, para quen non o saiba, é a canle en liña independente de meirande éxito no mercado audiovisual do ámbito español. A día de hoxe está integrada en Vodafone TV, cuxa oferta de contidos achega cinema baixo demanda a través do seu videoclub (cinema do trinque -40 novos títulos mensuais- e cinema de libraría -550 títulos simultáneos-), canles lineais de cinema (Hollywood, TCM, Sundance TV, Somos) e plataformas de contidos xa integradas como Netflix e HBO España. Os seus 40.000 títulos dispoñíbeis simultaneamente nunha única plataforma sitúan a proposta de Vodafone, en palabras da operadora, “como a maior oferta de cinema e series do mercado español”.

PUBLICIDADE