Firefox Send permite enviar ficheiros de até 2,5 GB de xeito seguro

martes, 12 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Na liña de servizos de envío de ficheiros como WeTransfer ou Velaquí.gal, no verán de 2017 a Fundación Mozilla presentou en probas o servizo Firefox Send, que permitía compartir de xeito cifrado arquivos de até 1 GB de tamaño, e agora anuncian que Firefox Send é xa un servizo oficial, que agora permite enviar vía web ficheiros de até 2,5 GB de tamaño (para usuarios cunha conta de Firefox) e que esta mesma semana contará cunha aplicación en probas para Android, permitindo así un maior control á hora de compartir ficheiros de grande tamaño.
Firefox Send é un servizo sinxelo, no que simplemente temos que elixir os ficheiros que queremos remitirlle, para que se xere unha ligazón que facilitará a descarga dos arquivos coas condicións que indiquemos (data de expiración, número máximo de descargas ou incluso protección mediante contrasinal), de xeito que esta ferramenta é moi sinxela (podendo intercambiarse as ligazóns xeradas a través do sistema de comunicación que desexemos, como o correo electrónico ou aplicacións de mensaxería instantánea). A grande diferenza deste servizo fronte a outros semellantes é que dende Mozilla comprométense a coidar da privacidade dos seus usuarios, asegurando que a información persoal non quedará indefinidamente nalgún recanto da nube.

PUBLICIDADE