Formación audiovisual e reparación de móbiles, entre a oferta de actividades de Lugo para a mocidade

luns, 2 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo presentou os días pasados as súas actividades estivais dirixidas á mocidade, inseridas na iniciativa +Xtí (a prol da prevención do consumo de drogas) e todas elas co nexo común de abrir vieiros saudábeis de colaboración, interacción e creatividade. Parte das accións foron dadas a coñecer no Edificio de Novas Tecnoloxías da cidade vella pola concelleira de Cultura, Turismo e Xuventude, Carmen Basadre, quen puxo o foco no variado da proposta: hai dende xogos tradicionais, populares e interxeracionais até actividades ligadas directamente ás novas ferramentas.
Na vertente programa atópanse cursos relacionados coa formación audiovisual: un obradoiro de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.
Asemade, tal e como sinalou previamente a propia Basadre (acompañando a cita cos medios dun chamamento á poboación máis nova para “ocupar o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades deportivas ou sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos e mozas da súa idade”), haberá este mes de xullo un obradoiro para aprender a reparar móbiles e electrónica básica; día 2 ao 20, en horario de 11:00 ás 14:00 horas, no Vello Cárcere. A inscrición debe facerse na Casa da Xuventude ata o 28 de xuño.
O programa tamén inclúe, entre outras moitas cousas, un actividade de habilidades de comunicación e xestión emocional, previsto para este mes de xullo (do día 2 ao 30 de xullo) na Casa da Xuventude. Está dividida en catro módulos: desenvolvemento e adestramento en habilidades emocionais, desenvolvemento das habilidades comunicativas, adestramento en oratoria e linguaxe comunicativa para crear mensaxes e beneficios da comunicación para a xestión de equipos e conflitos. O límite de prazas é de 15 por actividade para a mocidade de 18 a 35 anos censada no municipio ou que estude e traballe en Lugo.

PUBLICIDADE