Forte presenza da banda larga móbil entre as empresas galegas

luns, 30 de abril do 2018 Redacción

O 58,4% das microempresas galegas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior, tal e como recolle o informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2017, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA. No caso das empresas galegas de 10 ou máis empregados, cabe salientar o aumento nas velocidades superiores aos 100 Mbps, que acadan xa unha porcentaxe do 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.
O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 198.923 empresas; 1.385 máis que o ano anterior, das que o 96,3% teñen menos de 10 traballadores.

Aumento da banda larga móbil e das velocidades de contratación de Internet

A contratación de Internet está amplamente estendida nas empresas galegas, especialmente nas de máis de 10 traballadores onde acada o 98,5%. Nas microempresas, o 62,7% tamén posúen conexión a Internet contratada.
Increméntase o uso de banda larga a través de telefonía móbil. Nas empresas de máis de 10 traballadores, esta porcentaxe acada o 80,5% mentres que nas microempresas con conexión a Internet, a banda larga móbil sitúase no 69,2%.
Tamén cabe destacar que un 58,4% das microempresas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das grandes empresas, destaca o significativo aumento nas velocidades superiores ao 100 Mbps, que acadan xa o 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.

A visibilidade na estratexia empresarial e a publicidade en Internet

Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet están presente en redes sociais, e un 42,4% no caso das grandes empresas. A presenza en medios sociais durante o ano 2017 aumenta en 4,5 puntos porcentuais entre as microempresas galegas.
Un 8,5% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega case a triplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores con sede e/ou actividade en Galicia (un 23%).

Á cabeza no uso da Administración electrónica

Máis do 96% das empresas de 10 e máis asalariados interactuou coas Administracións Publicas a través de Internet. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 74,6%. Ambos tramos empresariais galegos superan a media do conxunto do estado na descarga de formularios e na presentación de impresos cumprimentados.
Con respecto ao comercio electrónico, un 20,5% das grandes empresas con sede e/ou actividade en Galicia venderon a través de Internet fronte ao 2,4% no caso das microempresas. En termos de evolución, o indicador experimenta estacionalidade respecto do ano 2016, tanto a nivel galego como no conxunto de España.

Política de seguridade

A seguridade é un tema vital importancia a nivel empresarial. Así, un 85,2% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 39,6% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno que defina a súa política neste ámbito.

PUBLICIDADE