Fortnite educa en seguridade informática recompensando por protexer as contas de usuario

venres, 24 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O xogo Fortnite é, sen dúbida, o fenómeno do ano no lecer electrónico, e o éxito deste título tamén está a propiciar moitos problemas de seguridade (como roubos de contas de usuario) de aí que Epic Games decidise tomar cartas no asunto dun xeito moi intelixente e exemplar: como recompensa para os usuarios que activen a autenticación en dous pasos (2FA) para ter a súa conta mellor protexida desbloquearán o xesto Boogie Down para o Battle Royale de Fortnite.
A autenticación de dous pasos (2FA) consiste en solicitar aos usuarios un código adicional cando inician sesión, que pode conseguirse mediante unha aplicación de autenticación (como a de Google ou a de Microsoft) ou dun correo electrónico, aínda que esta información non se pedirá sempre, senón só cando accedemos dende un equipo novo ou cando teñan pasado 30 días dende o último inicio de sesión.
Que Fortnite empregue esta tecnoloxía para dificultar os accesos non autorizados a contas de usuario é un grande avance para a educación en seguridade informática, que grazas a ter unha recompensa en forma de baile chegará a millóns de mozos de todo o mundo.

Baile que desbloquearemos no Battle Royale de Fortnite se activamos a autentificación en dous pasos

PUBLICIDADE