Francisco Conde amosa a súa aposta polo sector TIC galego, “á cabeza do Estado en empresas e traballadores”

martes, 23 de xullo do 2013 Redacción

De darse un cambio tecnolóxico e produtivo na nosa terra, as novas tecnoloxías son o elemento impulsor. Ademais, coa vantaxe de ser globais e integradoras. Segundo nos conta o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, na entrevista que reproducimos a continuación, as novas tecnoloxías constitúen tamén un vehículo no que tódolos sectores teñen cabida. A súa condición de transversais convérteas no contrario de individuais e exclusivas: na natureza das TIC vai xa a súa condición de entregadoras de algo e de carrexadoras a algures. Xogamos os galegos con vantaxe? A xuízo do conselleiro, sen dúbida que si. De feito, di, a nosa é a sexta comunidade con maior número de empresas do sector, empregando a máis de 15.400 traballadores, e unha das que conta cun proxecto tecnolóxico máis claro e definido.
-Como vostede saberá, o noso é un medio sobre novas tecnoloxías da información en Galicia, e esta é a cuestión arredor da cal xira toda a nosa actividade. Seguindo o fío disto, interésanos saber a súa opinión sobre o papel que poden xogar estas ferramentas e as empresas que traballan directamente con elas como elementos dinamizadores de riqueza e, tamén, de actividades económicas diferentes e alternativas ás que nos levaron á crise que agora estamos a vivir? Nunha escala de prioridades para o futuro da nosa terra, en que lugar situaría a Consellería ao sector das TIC?
-A capacidade transformadora das TIC convérteas nun dos motores de cambio do resto dos sectores produtivos, como elemento chave para mellorar a súa competitividade. En Galicia, o sector TIC vén amosando unha potencialidade que debemos e queremos aproveitar pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal. Somos a sexta Comunidade Autónoma con maior número de empresas TIC que empregan a máis de 15.400 traballadores, unha cifra que se mantén desde 2009. Falamos, por tanto, dun sector chave para a economía galega e para o seu crecemento. A colaboración coa Administración e a suma de esforzos entre o propio sector serán fundamentais para facer da tecnoloxía un dos motores económicos desta década.
A Xunta é consciente do papel das TIC e por iso en 2009 iniciou unha nova etapa na que, por primeira vez, se definiu unha estratexia tecnolóxica global, 2014.gal. que está a avanzar nas actuacións previstas e que supuxo un investimento público privado ata 2012 de 893 millóns de euros.
Este é, na miña opinión, un dos elementos diferenciadores de Galicia con respecto a outras Comunidades no eido tecnolóxico: contamos cun proxecto tecnolóxico claro, definido, con iniciativas a medio e longo prazo que supoñen proxectos de continuidade para as empresas do sector. Un proxecto consolidado coa creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que nace co obxectivo de modernizar a propia administración e que está a colaborar co IGAPE e coa Axencia Galega de Innovación para mellora a xa de por si elevada capacidade do sector TIC con novas empresas de base tecnolóxica sen necesidade de grandes investimentos en infraestruturas.
Neste contexto, gustaríame destacar tamén a aposta da Xunta de Galicia por Gradiant como centro tecnolóxico das telecomunicacións. O labor de Gradiant e os seus profesionais é avalado de forma continua a nivel europeo, como podemos constatar na primeira edición do FEDER-Innterconecta, que apoiou 9 proxectos nacidos neste Centro Tecnolóxico.
-Estes días estase a presentar en todo detalle a segunda convocatoria de FEDER-Innterconecta, uns fondos que mobilizarán 150 millóns de euros en proxectos de innovación e que abren unha serie de importantes posibilidades de crecemento e de financiamento para as nosas empresas, sobre todo as PEME. Cal é o papel da Consellería de Economía nesta convocatoria? Cal é a porcentaxe que achega o Goberno galego ao dito orzamento de 150 millóns? Que busca a Administración galega con este apoio e compromiso cos fondos? É certo que se está a incrementar en gran medida o número de proxectos proxectados con respecto á pasada edición de Innterconecta? É nas PEME onde máis se desexa repercutir? Por que motivo?
-A través deste programa buscamos que as boas ideas se poidan converter nun proxecto innovador. Neste sentido, a través desta segunda edición mobilizamos 153 millóns de euros nun total de 79 proxectos de alto impacto, tres veces máis que na primeira convocatoria deste programa promovido pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI). Nos proxectos apoiados participan 292 empresas galegas, das cales 2 de cada 3 son pequenas, unha porcentaxe que se eleva ao 70% incluíndo ás medianas. A participación privada multiplícase por tres con respecto á anterior convocatoria, pasando de 106 a 292 empresas beneficiadas, o que reflicte a forte interese do sector empresarial en levar a cabo proxectos innovadores que melloren a súa competitividade.
Estas cifras son posibles grazas ao esforzo que ten feito Galicia, que lle permite ser a comunidade máis solvente e lle facilita o acceso aos Fondos Tecnolóxicos Europeos. Un factor ao que cabe sumarlle a cooperación institucional entre a Xunta e o Goberno central, que permite o acceso ao financiamento cunha rebaixa do límite mínimo dos proxectos de 5 M€ a 1,5 M€ -acorde ao tamaño do tecido empresarial galego-, e coa implicación directa do Goberno galego no financiamento dos proxectos achegando o 20% dos fondos.
-Recentemente o departamento que vostede dirixe reuniuse co embaixador de México en España para amosarlle as vantaxes das nosas empresas en diversos proxectos de equipamentos e renovacións previstos no devandito país centroamericano. Esta xuntanza lévanos a formularlle a seguinte pregunta: até que punto considera vostede que é fundamental para o noso medre económico espallar a nosa actividade empresarial a Latinoamérica e, por extensión, aos mercados mundiais? Que está a facer o departamento que vostede dirixe para favorecelo? Sobre o sector que nos ocupa, o sector TIC galego, considera que atesoura potencialidade e innovación de abondo como para competir nos mercados de igual a igual co resto dos países?
-A internacionalización é un dos piares fundamentais da nosa política económica, xa que estamos convencidos de que nela está o xerme do crecemento. Por iso seguimos traballando co fin de maximizar os resultados obtidos no exterior polas empresas galegas. Neste senso, centramos a acción da Consellería en dous eixos, tanto nas achegas ás empresas como no desenvolvemento dunha intensa diplomacia comercial. Grazas ó adecuado uso das relacións internacionais conseguimos asinar o acordo estratéxico coa petroleira mexicana PEMEX, e traballamos arreo para acadar outros acordos similares con outros países.
Esta aposta pola internacionalización inclúe todos os sectores produtivos galegos con capacidade para ser competitivos, e ó das TIC é un deles. Por este motivo, este ano temos incrementado un 10% o orzamento neste ámbito ata superar os 20 millóns de euros co obxectivo de seguir avanzando na proxección exterior das empresas galegas.
-A parte do devandito (os fondos Innterconecta), que está a facer a Administración galega, en materia de incentivos ou facilidades, para favorecer o emprendemento tecnolóxico na nosa terra, ou sexa, a creación e posta en marcha de novas iniciativas de alicerce tecnolóxico?
-A Xunta está a desenvolver unha estratexia integral de impulso ao emprendemento co obxectivo de aproveitar ao máximo o talento e o capital humano de Galicia, con distintas ferramentas que acompañan desde a xestión das ideas ata a maduración e consolidación dos proxectos. Dentro desta estratexia xoga un papel fundamental a futura Lei do Emprendemento, coa que se define un marco normativo específico da comunidade que incentiva e facilita a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento. No eido concreto de favorecer novas empresas tecnolóxicas, contamos con instrumentos especialmente axeitados, como o fondo de capital risco i2C, que conta este ano con 10 millóns de euros destinados a impulsar a creación e a posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica cun forte compoñente de I+D+i; ou o fondo XesInnova, con máis de 1,3 millóns de euros para a concesión de préstamos participativos no eido innovador e do emprendemento. E por último, gustaríame destacar o traballo que estamos a desenvolver, xunto a máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación, para elaborar a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Unha estratexia da que depende a captación de ata 1.200 millóns de euros de fondos FEDER da Unión Europea entre 2014 e 2020.

PUBLICIDADE