Francisco Conde inaugura a nova sede de Ineo

mércores, 14 de maio do 2014 Redacción

Esta mañá tivo lugar a inauguración da nova sede de Ineo, a Asociación de empresas TIC de Galicia, situada no parque empresarial de Porto do Molle, en Nigrán. O acto tivo un padriño de excepción, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que xunto co presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, e a delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV),Teresa Pedrosa, foron os encargados de inaugurar formalmente as novas oficinas da Asociación. Os tres estiveron acompañados por destacadas personalidades de todos os ámbitos económicos e empresariais da Comunidade, e por suposto, do sector TIC, que contou cunha ampla representación de empresas socias.
Así mesmo, Ineo convocou tamén este mediodía a reunión do seu Conselo Consultivo, unha cita que ten como obxectivo informar os membros deste do desenvolvemento das actividades da asociación durante o ano para, nesta mesma reunión, facer unha reflexión conxunta sobre as necesidades que tanto o sector TIC, coma outros sectores e a sociedade en xeral teñen do sector TIC, para así, definir e revisar as liñas estratéxicas de Ineo para 2014.
Conde, socio de honra de Ineo, asistiu a esta reunión do Conselo Consultivo para trasladar os membros do órgano asesor da Asociación de empresas TIC de Galicia a estratexia da Xunta para o estímulo da reindustrialización do sector, así como as políticas de apoio na adopción de TIC para mellorar a produtividade doutros sectores.
Tras a xuntanza, o conselleiro realizou unha visita guiada pola presidenta do Consello Consultivo, Teresa Pedrosa, ás instalacións do edificio onde se encontra situada a nova sede de Ineo.
O traslado de Ineo a Porto do Molle responde a unha idea compartida entre o CZFV e o propio Ineo de desenvolver un polo de innovación e emprendemento TIC co obxectivo de impulsar o crecemento do sector, a través de desenvolvementos innovadores compartidos entre empresas TIC, promovendo o emprendemento con base TIC (ben mediante o desenvolvemento de novos produtos e servizos TIC, ben polo desenvolvemento de ideas de negocio sostidas por ferramentas TIC) e a compartición de coñecemento entre empresas TIC consolidadas e novas iniciativas sobre a base de estratexias Win-Win.
A situación neste parque empresarial contribuirá notablemente a alcanzar estes obxectivos, xa que será un gran laboratorio de ideas e de oportunidades para os socios e un impulso para lograr un sector TIC máis dinámico, no que as empresas consolidadas poderán apoiar as que están a empezar coa súa experiencia e know-how. Pola súa parte, os emprendedores e as EBT, coas súas novas e orixinais formulacións, achegarán a súa enerxía e creatividade, inxectando un sopro de aire fresco ao sector para facer da innovación o motor de crecemento das TIC.

PUBLICIDADE