Friendship-Orcas lanza app para achegarnos coñecemento exhaustivo sobre as candorcas

mércores, 8 de marzo do 2023 S. P.

O grupo de traballo Orca Atlántica – GTOA publicou unha aplicación para telefonía móbil que permite ás persoas usuarios coñecer a información dispoñíbel sobre as candorcas e sobre as variantes deste tipo de cetáceos que viven ou visitan as costas ibéricas. O lanzamento da ferramenta fíxose no marco do proxecto Friendship-Orcas. Podemos descargala dende a Play Store ou dende a tenda de Apple, e tamén está accesíbel na web do dito proxecto sobre divulgación e protección das candorcas do Atlántico.
A web
A aplicación móbil é un dos proxectos da plataforma galega CEMMA, Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños, a través da iniciativa Friendship-Orcas e en colaboración co Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA. Neste marco, a plataforma presentou este mes de xaneiro unha nova web destinada a achegar cumprida e exhaustiva información sobre as candorcas, tentando botar luz sobre como actuar en caso de atoparnos con elas nunha travesía marítima e conceptos prácticos sobre o seu comportamento, os seus hábitos e a súa presenza nas nosas costas. A web orcaiberica.org, obra do deseñador galego Xulio Marta, conta cun deseño sinxelo, reducido en canto a ligazóns mais versátil á hora de ofrecer información, axilidade de navegación e material gráfico sobre a especie, segundo salientou a coordinadora sobre as características principais do sitio.
Polo que respecta aos idiomas nos que se ofrece a información son o seguintes: inglés, español, francés e portugués.
A través deste sitio poden observarse as candorcas identificadas como Gladis, é dicir, interactuantes cos barcos veleiros dende 2020, e tamén, como dixemos, son incluídas recomendacións en caso de interacción e mesmo o rexistro dos mapas de interaccións e os semáforos. Os semáforos, para quen non o saiba, son gráficos onde os especialistas reflicten as informacións enviadas polos navegantes, unha información moi útil á hora de tomar decisións sobre os lugares e datas máis axeitadas para a navegación evitando encontros coas candorcas.
De xeito complementario á nova web puxéronse en marcha novos portais de redes sociais, no Instagram e máis no Twitter.
Polo que respecta ao proxecto Friendship-Orcas, foi un dos tres elixidos para o seu financiamento por parte segunda edición do programa Santander for the seas da Fundación Banco Santander para protexer mares e océanos. Este proxecto pretende crear ferramentas de divulgación e educación ambiental que promovan a información sobre a especie, a permeabilización social do seu interese natural e en definitiva contribúa a súa conservación.

PUBLICIDADE