GAIN destina máis de 290.000 euros á consolidación estratéxica do Hub DATAlife

martes, 31 de agosto do 2021 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de arquivo de Bioga

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), vén de asinar un convenio de colaboración co Hub de innovación dixital DATAlife. O obxectivo é “afianzar o crecemento desta entidade estratéxica”, en palabras da axencia que dirixe Patricia Argerey, que engade que o acordo pon o foco en converter a nosa terra nun referente europeo en materia de bioeconomía, sustentabilidade e saúde. O convenio implica a mobilización, por parte da Xunta, de 291.420 euros para a consolidación deste hub.
En concreto, darase apoio ás actividades de xestión e coordinación de DATAlife coa finalidade de “estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, en especial ás pemes”. Entre as accións que se pretenden impulsar con este acordo atópanse a súa internacionalización, a creación dun ecosistema de innovación e o apoio á busca de financiamento. En concreto, búscase ofrecer 30 servizos de matchmaking ou emparellamento e o apoio a 200 pemes ao ano no seu proceso de transformación dixital.
Segundo lembra GAIN, DATAlife é un dos dous hubs galegos declarados estratéxicos e a súa actividade céntrase nos sectores agro-mar alimentación, forestal-madeira, coidados-saúde e biotecnoloxía.
Conta con 17 socios (ANFACO-CECOPESCA, Bioga, CESGA, CETIM, Clúster de Acuicultura, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Clúster Saúde de Galicia, Clúster TIC, EnergyLab, FEUGA, FINSA, Gradiant, Televés, Vodafone e Zendal e as Universidades de Santiago e de Vigo) e traballa por facilitar ás pemes galegas a incorporación de tecnoloxías relacionadas coa Intelixencia Artificial, Big Data, Internet das Cousas (IoT), computación de altas prestacións ou ciberseguridade.

PUBLICIDADE