GAIN entrega o martes 20 os III Premios Galicia de Innovación e Deseño

venres, 16 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

A Xunta de Galicia celebrará o vindeiro martes 20 de decembro a cerimonia de entrega dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño, unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Durante o acto, que terá lugar ás 19 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, daranse a coñecer os gañadores e gañadoras nas seis categorías deste certame.
Tres das categorías distinguirán a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da estratexia profesional e o crecemento empresarial. As grandes empresas finalistas son Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA), Puentes y Calzadas e Unvi Carroceros. A maiores, entregarase o premio da categoría de traxectoria innovadora á persoa que máis contribuíse nos derradeiros anos ao avance da innovación en Galicia.
As outras tres categorías buscan recoñecer contribucións significativas á mellora do prestixio do deseño galego como motor de innovación. Os finalistas son o deseñador Isaac Piñeiro, o Estudio MMASA e Costa Comunicación Visual. Como representantes do talento emerxente, son finalistas Raquel Fernández Caamaño, Roberto Costas Fernández e Sara Regal Alonso.
Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de grande empresa e o premio para empresas no apartado de deseño terán carácter honorífico, mentres que os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un. As persoas interesadas en asistir á cerimonia de entrega dos premios poden rexistrarse na web de GAIN.

PUBLICIDADE