GAIN presentará nunha xornada a nova licitación de solucións innovadoras con vehículos non tripulados

martes, 10 de maio do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organizará este 13 de maio unha xornada técnica para presentar a nova licitación para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras con vehículos non tripulados: tecnoloxías para os ámbitos das emerxencias sanitarias e sociais e para a xestión forestal e dos recursos mariños. O investimento é de 6,5 millóns de euros. A cita será como dixemos este 13 de maio a partir das 10:00 horas de forma presencial, na sede da Axencia Galega de Innovación (rúa Airas Nunes, s/n, Santiago) e telemática.
O rexistro debe realizarse a través do correo civil-uavs-initiative@xunta.gal para a participación presencial e dunha ligazón específica para a asistencia online. En ambos os casos a inscrición debe facerse antes do 11 de maio ás 15:00 horas. Temos toda a información sobre o evento na web de Civil UAVs Initiative.
A xornada contará coa participación do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde; e da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Ademais, celebrarase unha mesa de diálogo coas entidades usuarias das solucións nas que se abordará o impacto dos novos desenvolvementos na prestación de servizos públicos da Xunta. Nesta mesa estarán representadas as seguintes entidades: a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia (061) da Consellería de Sanidade, a Dirección Xeral do Monte da Consellería de Medio Rural, a Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar, a Axencia de Emerxencias (AXEGA) da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) da Consellería do Mar. A xefa de departamento de coordinación da Civil UAVs Initiative, Belén Picos; e a xefa do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, Beatriz Allegue, realizarán a presentación técnica da licitación e responderán as consultas dos asistentes.
Con esta contratación, o Goberno galego busca “impulsar a compra de solucións innovadoras moi próximas ao mercado”, ou sexa, realizábeis en menos de 12 meses. Aquelas poden partir de resultados intermedios do período anterior do Polo Aeroespacial de Galicia ou doutros avances tecnolóxicos, para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos da Xunta de Galicia.
Segundo explica GAIN, a fórmula da licitación é a da Asociación para a Innovación, coa que a Xunta de Galicia consegue un duplo obxectivo: “Por unha banda, mellorar a eficiencia dos servizos públicos e, por outro, validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento”.
Os proxectos, que serán financiados con fondos REACT-EU (6 millóns) e fondos propios da Administración autonómica (0,5 millóns), deberán centrarse, en concreto, no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras por medio de vehículos non tripulados (UAVs) para a atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago; a monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de incendios e restauración post-incendios; a inspección e vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola; a localización de persoas extraviadas; e a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes.

PUBLICIDADE