GALPon pecha o vindeiro 30 de novembro o seu ciclo formativo de software libre na Residencia Altamar

venres, 8 de novembro do 2013 Redacción

Vai chegando ao seu remate o ciclo de obradoiros mensuais que organiza en Vigo, na sede da Residencia Altamar, a asociación GALPon. O remate destes Sábados Libres chegará o vindeiro 30 de novembro, coa celebración da quinta xornada do ciclo: o Obradoiro: VIM + Bash - Programación de bash scripting (II), unha continuación da actividade divulgativa de introdución a estes recursos desenvolvida o pasado mes de setembro. O obradoiro do día 30 celebrarase na dita residencia de Vigo con horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 horas, o sábado 30 de novembro.
Igual ca nas anteriores citas do ciclo, a participa e asistencia é de balde, aberta ao público en xeral e co único requirimento de ter formalizada a inscrición na páxina do evento en Google Plus. A programación da xornada inclúe unha serie de achegas sobre o uso avanzado de VIM (lapelas, extensións, configuracións, etc) e o uso avanzado de Bash (funcións versus alias, engadir opcións, expresións regulares ou globbing, operacións con variábeis, etc). Lembrar que VIM é un editor de textos e programación compatíbel con múltiples sistemas operativos, e Bash é un programa informático libro que basea unha boa parte da súa funcionalidade na posibilidade de interpretar ordes. É polo tanto un intérprete de comandos habilitado por defecto na meirande parte das distribucións GNU con Linux.
Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE