GPUL amosará os segredos de GIT nun novo relatorio dos Xoves Libres

venres, 11 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

O GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) lémbranos hoxe que segue adiante o seu ciclo chamado Xoves Libres, unha iniciativa de charlas de divulgación coa que pretenden que os usuarios de novas tecnoloxías, sobre todo os alumnos da Facultade de Informática de Coruña (pero aberta a tódalas persoas que queiran participar, “cantas máis mellor”), amplíen os seus coñecementos sobre software libre. Ademais, buscase incrementar a presenza deste tipo de ferramentas nas empresas galegas, “que a día de hoxe non é pouca”, din, e tanto que é así se temos en conta os últimos informes de OSIMGA. O caso é que o vindeiro mércores temos nova sesión na FIC da man do GPUL, esta vez centrada en GIT.
Lembrar que GIT é un sistema aberto de control de versións deseñado por Linus Torvalds. A charla do próximo mércores será impartida por Santiago Saavedra López, presidente do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux. Segundo nos contan, GIT é un sistema distribuído de control de versións, de balde e de fonte aberta, deseñado para manexar todo tipo de proxectos, dende os máis pequenos ata proxectos de gran envergadura, con velocidade e eficiencia. “É sinxelo de aprender”, engaden, “e ao mesmo tempo dispón dun número moito máis elevado de características que outros sistemas como Subversion ou CVS”. Asemade, inclúe sistema moi destacábel de pólas, a posibilidade de realizar modificacións en local sen ter que dispor de conexión a Internet, mantendo repositorios locais e remotos ao mesmo tempo. Tamén destaca a gran variedade de fluxos de traballo que permite realizar.
Santiago Saavedra, “apaixonado de GIT”, comezará o seu relatorio facendo unha pequena introdución ao control de versións con esta ferramenta, partindo dun nivel básico ata chegar a un máis avanzado. A sesión desenvolverase no laboratorio 0.1w da FIC, ás 18.30 horas.

PUBLICIDADE