GPUL celebra os seus quince anos de actividade cun concurso para atopar novo logotipo

xoves, 23 de xaneiro do 2014

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, segue adiante amosando as múltiples vantaxes do software libre, a tódolos niveis, perante a sociedade galega. E segue a facelo logo de quince anos, cousa moi a ter en conta se pensamos nas moitas cousas tecnolóxicas que aconteceron ao ao longo destes quince anos e na natureza do traballo despregado polos membros de GPUL: un traballo voluntario feito coas súas propias mans. O caso é que non queren deixar a oportunidade de conmemorar este traballo feito a prol do software libre “e mantendo á Universidade da Coruña no primeiro nivel deste ámbito a través da realización de pequenos e grandes eventos nacionais e internacionais”, sinalan. A celebración farase a través dun concurso para o deseño dun novo logo.
O certame de conmemoración ten o obxectivo de atopar o mellor distintivo visual de GPUL, premiándose os dous primeiros deseños seleccionados. A/o deseñadora/or que obteña máis votos recibirá cen euros máis unha Pack Raspberry Pi totalmente configurada para utilizar como MediaCenter. O segundo recibirá 25 euros e outra Pack Raspberry Pi totalmente configurada para utilizar como MediaCenter. Para quen queira informarse polo miúdo xa están dispoñibles as bases do concurso en formato PDF.
Lembrar que GPUL (Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) ten a súa sede na Facultade de Informática da Coruña e os seus obxectivos son, entre outros, a promoción do software libre, o fomento do seu uso, o achegamento deste tipo de programas á sociedade en xeral e ao colectivo universitario en particular.

PUBLICIDADE