Galicia Avanza impulsará a presenza internacional de 30 empresas de alicerce tecnolóxico

mércores, 14 de setembro do 2022 S. P.

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia, San Cibrao das Viñas, Ourense) acolleu este martes 13 de setembro a presentación do programa de aceleración de novos e innovadores proxectos empresariais Galicia Avanza, que está chamada a ser unha lanzadeira referencial para facilitar a chegada e consolidación das pemes galegas no ámbito internacional. A aceleradora Galicia Avanza, que traballará dende as fórmulas infalíbeis da I+D+i e a sustentabilidade, foi presentada nos seus detalles polo conselleiro de Economía, Francisco Conde.
Segundo se fixo saber na cita celebrada na Tecnópole, este novo programa distínguese por ter sido concibida para pequenas e medianas empresas galegas de alicerce tecnolóxico que teñan entre mans solucións innovadoras para exportar a outros mercados.
Así, Galicia Avanza vai apoiar a consolidación no mercado internacional de 30 empresas a través dun plan de traballo de oito meses de duración nos que as participantes poderán acceder a servizos de asesoramento e formación especializada.
O vicepresidente económico subliñou “a necesidade de apostar polo talento, a tecnoloxía e a I+D+i para atopar alternativas ao modelo económico actual”. Neste ámbito é onde porá o foco Galicia Avanza, que se localizará na Tecnópole.
Conde salientou que o Parque Tecnolóxico de Galicia destaca pola súa oferta de servizos ao tecido empresarial pero tamén polas infraestruturas ás que vai dar cabida como o Centro de excelencia en Ciberseguridade de Galicia ou a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial galego para que as compañías poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo.

PUBLICIDADE