Galicia Confidencial dá o chimpo aos libros electrónicos

xoves, 4 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

Galicia Confidencial vén de ampliar o seu horizonte dixital. Así llelo contou aos medios de comunicación e aos seus seareiros a finais de xullo dende a súa web, informando polo miúdo dun desenvolvemento que lle vai permitir ser o primeiro medio galego que dá o chimpo aos libros electrónicos. Isto vai ser posíbel, manifestan fontes da devandita canle, grazas á achega de Susana Sotelo, tecnóloga da Universidade de Santiago, quen deu corpo a unha receita para o programa Calibre que lles posibilitaría aos usuarios seguir o xornal dende os seus libros electrónicos.
Deste xeito, engadiuse dende Galicia Confidencial, GC convértese no “primeiro medio en galego cunha receita para este software libre, o xestor aberto de libros electrónicos que permite organizar unha libraría”.
Segundo informa o medio, as razóns que moveron á tecnóloga da USC a apostar por Galicia Confidencial para o devandito desenvolvemento teñen que ver coa liña editorial do medio mesmo, unha liña que se caracteriza pola independencia e polo compromiso coa nosa lingua e cultura, dous piares que, afirman, danse de cheo contra o contexto social e informativo que estamos a vivir, co peche continuo de cabeceiras e a redución imparábel da presenza do noso idioma no panorama comunicativo.
A receita, engadiron fontes de Galicia Confidencial, está emprazada no repositorio de código de Calibre e é accesíbel na versión actual do programa. “Deste xeito”, explican, “os lectores de GC podedes configurar o programa Calibre para que cada día baixe as novas –partindo do RSS–, as converta a un formato compatíbel co voso lector de libros electrónicos –os formatos máis coñecidos son ePub, FB2 e Mobipocket– e as transfira ao aparello para poder lelas nel coma se fose un libro máis”.
Para instalar a receita cómpre despregar o menú "Obter Novas" e seleccionar "Engadir unha fonte de novas personalizada". Na fiestra que se abre prémese en "Cargar a receita do ficheiro" e selecciónase a receita que acabamos de descargar.

PUBLICIDADE