Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de participación até o 27 de abril

luns, 21 de marzo do 2022 S. P.

O director do IGAPE, Fernando Guldrís, inaugurou un webinario sobre o programa Galicia Exporta Dixital, iniciativa destinada a fomentar competitividade e a rendibilidade das nosas empresas a través da busca de novos mercados, proceso que se ve favorecido e facilitado polas ferramentas tecnolóxicas. O programa, segundo indicou Guldrís, ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 27 de abril. Ofrece a pemes e autónomos ferramentas dixitais innovadoras para promover as súas vendas no exterior.
Guldrís destacou que ata o de agora o programa permitiu impulsar máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12M€.
O webinario veu da man da Vicepresidencia Segunda e a Consellería de Economía en colaboración co Hub de Innovación Dixital Datalife.
Segundo explicou o director do IGAPE, a nova edición de Galicia Exporta Dixital conta cun orzamento de 4,4 millóns, orientados a “facilitar aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital”. Tamén se busca achandarlles o camiño para “adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas con vistas a crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de mercadotecnia inbound ou mesmo crear e adaptar tendas en liña”.


PUBLICIDADE