Galicia cumpriu cos obxectivos do Programa Marco de I+D 2007-2013

mércores, 24 de agosto do 2011 Redacción

O apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas de captación de recursos no eido da I+D+i ten impulsado dun xeito determinante a captación de fondos do VII Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Unión Europea (7PC), así como a capacidade axentes galegos para presentar propostas de I+D+i competitivas a nivel europeo, superaron con moito as expectativas formuladas a principios de 2007, en especial no que se refire ás empresas.
Deste xeito, co apoio do Goberno galego, as empresas, centros tecnolóxicos, universidades e demais centros de investigación galegos acadaron xa o obxectivo de obter 31 millóns de euros de captación de fondos procedentes deste instrumento de financiamento comunitario, establecido a comezos da sétima edición deste programa, con vixencia 2007-2013.
Neste sentido, cómpre destacar o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015 prevé intensificar o apoio aos axentes na captación de fondos europeos para I+D+i, tal e como recolle o Programa de Apoio ao Crecemento Empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial (ACE), dotado con 8 millóns de euros, actualmente aberto á recepción de propostas. De feito, unha das súas liñas contempla subvencións para a preparación de propostas de proxectos a presentar en convocatorias de I+D+i estatais e internacionais. Para as PEME estas axudas poderán acadar o 70% do custo subvencionable e para as grandes empresas o 60%.
A aposta da Xunta de Galicia neste eido ten acelerado o ritmo de captación de recursos e a falta de dous anos para que remate o período de execución do 7PC, Galicia conseguiu aumentar de maneira significativa a súa participación no principal instrumento europeo de financiamento da I+D, xa que o programa anterior (6PC) saldárase con 14,5 millóns de euros de retorno para os centros e empresas galegos, é dicir, menos da metade ca neste período.
Polo que respecta ao número de iniciativas aprobadas pola UE, as previsións formuladas polo Executivo galego a principios de 2007 establecían o reto total de actividades financiadas en 55 para 2013, cando a cifra real ascendía xa a 108 ao peche de 2010. En concreto, o 2010, foi un dos mellores exercicios con 30 actividades, e a captación de fondos, con 13,8 millóns de euros, triplicando cifras obtidas en anos anteriores.

PUBLICIDADE