Galicia dálle pulo aos proxectos tecnolóxicos como clave para converxer con Europa

xoves, 5 de maio do 2011 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, foi a encargada de clausurar hoxe en Ferrol a xornada Programas de Financiamento Europeo, que organizaba a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial para achegar as claves que levarán ao noso país a estar á altura de Europa en materia de innovación.
Neste senso, a mensaxe transmitida pola secretaria foi optimista ao indicar que “a participación en proxectos de innovación no ámbito europeo daranos moitas vantaxes competitivas a curto, medio e longo prazo”, referíndose ao obxectivo de “evitar que Galicia quede fóra da Europa da innovación”.
Na súa intervención, a secretaria fixo un resumo dos obxectivos que a Xunta ten marcados de cara a estar ao nivel europeo en materia de proxectos innovadores, e nesta liña, indicou que as estratexias para converxer con Europa pasan por “estimular o crecemento económico e social da Comunidade coa adopción dun modelo produtivo baseado no emprego das TIC”.
Xa que logo, ambalas dúas estratexias están marcadas na Axenda 2014.gal ou no PlanI2C, que, en palabras de Pereira, “complementan e apoian os obxectivos económicos marcados no Plan Galicia 2014”.
A responsable do departamento de Innovación recalcou que o compromiso de Europa coa innovación “é firme”, e que iniciativas como a Ambient Assisted Living (da que se falou durante a xornada), servirán para “converter Europa no centro neurálxico do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a saúde e o benestar da cidadanía”.
Outras iniciativas que arrincaron as verbas de Mar Pereira neste acto como exemplo de capacidade innovadora do actual Goberno foron, o Fogar Dixital Asistencial, para o impulso de proxectos sectoriais en ámbitos de futuro, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas no ámbito sociosanitario, publicado recentemente, e o esforzo en materia de colaboración que a Xunta está a facer no ámbito empresarial privado.
Para concluír, a secretaria xeral lembrou que “o Goberno galego aposta decididamente por impulsar os diferentes sectores estratéxicos, en especial o sector da Economía do Coñecemento, como motor da economía do futuro”.

PUBLICIDADE