Galicia leva chemineas virtuais aos fogares de toda Europa

mércores, 5 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Agora que estamos a vivir un dos invernos máis duros dos últimos anos, seguramente a ninguén lle vén de máis quentar o cu ao carón dunha cheminea ou, a falta dela, dunha lareira á antiga usanza.
Se cadra é un luxo que non está ao alcance de calquera ou, polo espazo que ocupa e o acondicionamento que se precisa para tela en boas condicións, non é doado vela instalada en moitos fogares do noso país.
Porén, grazas á última creación da produtora galega Continental Producciones, calquera que teña unha Wii na súa casa, poderá disfrutar este inverno dunha acolledora cheminea no seu salón, mais iso sí, sen o calor que a caracteriza.
Trátase do xogo My Fireplace, unha aplicación para a Wii de Nintendo que permite amontonar troncos, prender o lume e usar o mando da consola a modo de fol para avivar as brasas.
My Fireplace xa arrasa en Europa, onde está dispoñible dende o pasado 17 de decembro.
De feito, o videoxogo xa está no top 10 da tenda en liña de Nintendo e un dos seus vídeos rexistrou máis de 30.000 reproducións en só seis días en Estados Unidos.
Agora, segundo informan dende a compañía, “a súa próxima meta está no mercado asiático” e pola súa sinxeleza, é probable que teña un grande éxito.
A ferramenta permite que o usuario dea conta do “lume” por sí mesmo ou, accionando o modo automático, deixe este labor en mans da consola; asemade, permite escoller o estilo da cheminea e axeitalo así a cada data ou ocasión.
Logo do lanzamento de My Fireplace, Continental Producciones (que é a primeira produtora cinematográfica española que desenvolve xogos para Wii) xa está a preparar, segundo anunciou, un xogo para a mesma plataforma que ensina aos usuarios do xénero masculino a ligar.


Vídeo de exemplo do My Fireplace para Wii

PUBLICIDADE