Galicia lidera o Estado na implantación dos encerados dixitais no ensino público obrigatorio

venres, 9 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presidiron o acto de presentación do programa As pizarras dixitais como apoio educativo

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, acompañado pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presentou no CEIP A Xunqueira I de Pontevedra o programa As pizarras dixitais como apoio educativo destacando o papel que en Galicia está a representar a incorporación de encerados dixitais ao día a día das aulas nos centros públicos de ensino infantil, primario e secundario que «está a transformar» o xeito de impartir clases, de expor os contidos, de relacionar información, de atender e de memorizar.
Touriño tamén salientou que «Galicia é a primeira comunidade autónoma que conta con encerados dixitais en todos os centros públicos de ensino obrigatorio», o que nos colocaría a «ao nivel de implantación doutros países punteiros da integración das novas tecnoloxías no ámbito educativo» como Finlandia, Reino Unido, Canadá, EE.UU. ou Australia.
O esforzo na implantación das TIC no ensino foi importante, e pasamos de 179 a 1.465 encerados dixitais en Galicia en apenas 3 anos, efectuando o Goberno galego un investimento en dotación informática en tal período que se achega aos 45 millóns de euros, polo que hoxe temos unha relación de alumnos por ordenador de 5 (fronte aos 12 que había en 2005).

PUBLICIDADE