Galicia mobiliza 13,6 millóns de euros para transformar máis de 200 pemes
martes, 8 de febreiro do 2022
A Xunta de Galicia mobilizará un total de 13,6
millóns de euros a través das axudas
á dixitalización para que máis de 200 pemes poidan ter
acceso á realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico.
Estas axudas, co-financiadas por fondos FEDER, supoñen un incremento
do apoio ás pequenas e medianas empresas de calquera sector do 50% e
de arredor dun 70% para empresas dos sectores téxtil, automoción e
industria naval.
Sofisticados sistemas de comercio electrónico, ou sistemas de
intelixencia de negocio son algunhas das iniciativas que destacan
destas edicións, así como a adquisición de equipamento e software.
Con estas axudas preténdese “favorecer a aparición de sinerxías
entre pemes, iniciativas individuais e proxectos colectivos, e tamén
a creación de obradoiros
de dixitalización, que serán financiados ao 100% con case 400.000
euros”. O seu obxectivo será “promover arredor de 20
plans de difusión nos que participan 350 pemes e que incentiven a
creación de espazos de solucións tecnolóxicas”.
A un nivel máis concreto, a través destas actividades habilitaranse
sistemas informáticos nos catro ámbitos con máis potencial para
achegar valor ás empresas: proxectos sectoriais multiempresa,
proxectos interempresariais, proxectos intraempresariais e proxectos
de Intelixencia Artificial. Tamén abordarán ámbitos como a
transformación tecnolóxicas en empresas de economía social e a
aplicación das tecnoloxías 4.0 en diferentes sectores produtivos.
Estes programas, postos en marcha polo Goberno galego, forman parte
do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas,
que teñen por obxectivo facilitar a reactivación do tecido
produtivo no contexto económico despois da crise da COVID-19. Entre
estas medidas tamén se atopan os cheques de dixitalización,
destinados para que preto de 3500 pemes impulsen proxectos de
dixitalización que lles permitan reforzar as súas actividades
empresariais.