Galicia, pioneira en aplicación de tecnoloxías para mellorar a recollida de residuos

mércores, 15 de febreiro do 2023 S. P.

Galicia púxose á cabeza das comunidades en materia de tecnoloxías aplicadas á recollida e selección de refugallos. Fíxoo cun proxecto innovador que optimiza o uso dos contedores amarelo (envases de plástico, latas e briks) e azuis (papel e cartón). O proxecto piloto arrincou este 15 de febreiro en Ribeira, presentado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde Manuel Ruiz Rivas. Trátase da plataforma de reciclaxe intelixente Smart Waste, que permitirá recoller datos en tempo real sobre o volume e tipoloxía de residuos grazas á incorporación de sensores nos camións, de sistemas GPS e de tecnoloxía avanzada nas plantas de selección.
Segundo fixeron saber, toda a información recollida “facilitará optimizar procesos como a adecuación da frecuencia de recollida, as rutas que ten que realizar cada camión ou os lugares nos que fan falta máis ou menos contedores”. Ademais, destacaron que “poder dispoñer deses datos dun xeito máis áxil e nun formato único permitirá coñecer tanto as tendencias de consumo como o depósito de refugallos por barrios, parroquias, etc., o que tamén axudará a decidir a adopción de medidas en función da información recollida”.
Amais, Ángeles Vázquez incidiu en que se trata “dunha ferramenta de optimización do servizo de recollida, selección e reciclado dos residuos que adianta o futuro das Cidades Intelixentes situando Galicia como unha das comunidades máis vangardistas na aposta pola aplicación dos principios da economía circular”.
No marco da presentación desta iniciativa, a conselleira puxo en valor a colaboración que a Xunta vén mantendo con Ecoembes co obxectivo de sensibilizar e mobilizar á cidadanía de cara á unha mellor xestión dos refugallos e un maior respecto cara ao medio ambiente. Así, dixo, facendo balance, “arredor de 2.000 galegos mobilizáronse en 2022 para as recollidas de residuos organizadas no marco do proxecto Libera, unha iniciativa na que colaboran a Xunta, Ecoembes e SEO/Birdlife, e grazas á que foron recollidos 400 quilos de lixo en máis de 100 puntos da Comunidade”. Esta iniciativa continuará ao longo de 2023 e, de feito, está previsto que en marzo se realice a nova campaña de voluntariado 1m2 polos ríos, lagos e embalses, o que “supón unha nova oportunidades para amosar o compromiso da sociedade coa protección e preservación do medio ambiente”, comentou.

PUBLICIDADE