Galicia terá unha presenza importante no laboratorio ibérico de nanotecnoloxía de Braga

xoves, 22 de novembro do 2007 Raquel Noya

A Conferencia de Alto Nivel en Nanotecnoloxía que se está a celebrar en Braga (Portugal) dende o pasado luns e que reúne a representativos persoeiros españois e portugueses do eido da Sociedade da Información, da ciencia, da investigación e da educación, contou coa presenza da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, que estivo evento para compartir os últimos avances no eido da nanotecnoloxía e a súa implicación para a nosa terra.
Ó igual que tódolos asistentes que se achegaron ó devandito relatorio, Piñón puído coñecer de preto o proxecto de construción dun laboratorio ibérico de nanotecnoloxía que se vai habilitar na localidade de Braga, no que traballarán ata 200 científicos e que se constituirá como o primeiro centro de investigación compartido entre España e o país veciño.
Cómpre salientar que neste proxecto de investigación internacional van desenvolver un importante papel os grupos de investigación galegos e portugueses e, neste senso, a máxima responsable da Administración educativa autonómica departiu co ministro luso de Ciencia sobre o que suporá para a eurorexión Galicia-Norte de Portugal contar con este centro, “que estará conectado co resto de centros europeos especializados en nanotecnoloxía e situará á comunidade científica galega á cabeza de Europa”.
O director do devandito laboratorio, José Rivas Rey, é profesor do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e un dos impulsores da Rede NanoTecGalicia, un equipo de investigación formado por dez grupos de traballo en nanociencia que aposta pola integración dos grupos de I+D galegos nos proxectos nacionais e internacionais, así como pola formación de investigadores con coñecementos suficientes para poder crear empresas especializadas en aspectos concretos en Nanotecnoloxía.
Na imaxe, a ministra de Educación e Ciencia, Mercedes Cabrera, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, o comisario de Ciencia e Investigación, Janez Ptocnik e o ministro portugués de Ciencia, Tecnoloxía e Educación Superior, José Mariano Gago.

PUBLICIDADE